4 de abr. de 2011

HOMENAXE A XOSÉ NEIRA VILAS

o venres día 1 de abril fomos convidados a participar na homenaxe que se lle fixo a Xosé Neira Vilas na Biblioteca González-Garcés na Coruña. Tamén estaban alumnos e alumnas do CEIP Salgado Torres, que fixeron este vídeo que vos mostramos.
Grazas a Rosa por esta lembranza tan fermosa.



3 de abr. de 2011

GÚSTAME LER

INDIGNÁDEVOS de HESSEL



INDIGNÁDEVOS é o título dun libro que constitúe un pequeno manifesto ético publicado por Stéphane Hessel, un escritor eloitador de 93 anos, que nos convida á insurrección pacífica nun mundo dominado pola globalización, onde é o imperio económico e financieiro quen manda, un poder "ademocrático" que veu desenvolvendo un enriquecemento amoral que está a ficar impune mentres os máis débiles pagan a consecuencia da crise.

Esta semana visitou España para publicitar este ensaio, que levaba un tempo sendo xa un éxito dos que se espallan como as ondas que xera unha pequena pedra botada ao mar, ao mar da indignación. En Francia leva vendidos máis de 1.700.000 exemplares e foi traducido a 23 idiomas, entre eles o galego, o catalán e o vasco. Factoría K de Libros,ofrécenos a obra en galego, cun prólogo de Manuel Rivas, mentres que a edición en castelán, publicada pola editorial Destino, está prologada polo escritor e economista José Luís Sampedro e comeza así: "Yo también nací en 1917".

Hessel que naceu en Alemania, viviu en Francia, formou parte da resistencia contra os nazis, escapou do campo de exterminio de Buchnwald xusto antes de ser asasinado, traballou despois como diplomático da ONU e participou na redacción da Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948. O escritor militou no Partido Socialista e no movemento ecoloxista e sempre salientou na defensa dos valores éticos. Hoxe en día é firme defensor da causa palestina.

É un libriño pequeno, pouco máis de 30 páxinas, onde traza un breve bosquexo do que foi a evolución social dende a II Guerra Mundial aós nosos días co fin de invitar á "insurrección pacífica". Seguro que outros autores expoñen análises máis fundamentadas en amplos datos socio-históricos, mais o éxito de Indignádevos é o feito de ser un catalizador, unha voz grande na súa sinxeleza, cun claro destinatario: os xoves.

.

Hessel chama á necesidade de reparar e reflexionar, de fuxir da indiferenza para tomar o relevo da loita que homes como el protagonizaron. Reclama o espírito crítico ante "uns medios de comunicación de masas que non propoñen outro horizonte para a nosa xuventude que o consumo de masas, o desprezo cara aos máis débiles e cara a cultura, a amnesia xeralizada e a competición a ultranza de todos contra todos".
"Crear é resistir", "Resistir é crear", "Indignádevos". Saber o que nos indigna e tentar cambialo, non aceptar o inaceptable. A indignación como primeiro paso ante a pasividade e a apatía.
A indignación ante as leis do capital, ante o paro xuvenil, ante a perda de valores, ante as desigualdades sociais... e ante o incumprimento continuado dos fundamentos da Declaración Universal dos Dereitos Humanos
O éxito do libro ten a súa base no seu valor como manifesto ético e non debería pasar desapercibido aos ensinantes nen aos educadores, nen á sociedade en xeral como punto de reflexión para forxar a esperanza neste intre de crise no que estamos a vivir.

24 de mar. de 2011

COÑECENDO A BIBLIOTECA...

No IES Fontem Albei de A Fonsagrada fixeron este Lipdub que nos leva a coñecer un pouco máis a CDU e o funcionamento da Biblioteca. Parabéns polo traballo ben feito.


5 de fev. de 2011

EL ARQUITECTO Y EL EMPERADOR DE ARABIA de Joan Manuel Gisbert


...E para os pequenos do Club tamén temos nova lectura, agora en castelán. Trátase de El arquitecto y el emperador de Arabia , unha novela digamos que de aventuras, que nos levará ao mundo árabe. O seu autor xa é bastante habitual nas lecturas do noso club, pero os nosos socios máis pequenos non o coñecían ainda. Como segue a ser un dos nosos autores favoritos, este libro é a nosa proposta para o mes de xaneiro.

24 de jan. de 2011

ENCONTRO CO ESCRITOR VICENTE MUÑOZ PUELLES

Aquí vos deixamos algunhas fotos do noso encontro co autor de La expedición de los libros. Por certo, convidámosvos a que o leades porque merece a pena.

21 de jan. de 2011

LA EXPEDICIÓN DE LOS LIBROS de Vicente Muñoz Puelles


O día 20 de xaneiro tivemos a sorte de ter con nós ao escritor Vicente Muñoz Puelles. Veu para falarnos do seu libro La expedición de los libros, unha historia moi orixinal na que uns cantos libros escapan dos seus andeis, aburridos de que nionguén os ela e deciden ir de viaxe na percura de novos lectores. Algúns destes libros son Alicia en el país de las maravillas, Hamlet, El Buscón, ... Grazas a esta lindísima novela puidemos coñecer o que sufren os libros cando ninguén os le, e tamén ler o decálogo que un deles nos propón e que nos pareceu moio interesante.

14 de dez. de 2010

O DIARIO VERMELLO DECARLOTA de Genma Lienas


E despois da novela de Carmen Martín Gaite e aconsellándonos un pouco entre todos, decidimos ler algo diferente. E como pensamos ir alternando as linguas, aquí tedes xa o libro do mes de decembro, que comentaremos en xaneiro á volta do descanso de Nadal. O diario vermello de Carlota. Trátase dun diario un pouco especial, no que Carlota, a súa protagonista, vai deixando caer todos os seus comentarios e suxestións sobre os temas que lle preocupan como adolescente. Moi indicado para o noso alumnado de 2º ciclo de Secundaria e que gustou bastante no noso club.

29 de nov. de 2010

CHAMÁDEME SIMBAD de Francisco Castro

>

Hoxe fixemos o noso segundo Xantar entre libros... Os máis pequenos do Club de lectura Bibliotero limos Chamádeme Simbad, como xa sabedes, e hoxe estivemos falando do libro. Falamos de que nos gustou o libro e lo que máis foi a historia que inventan Paulo, un neno de 10anos e o seu avó sobre Simbad. Lembramos tamén a historia de Simbad, aquel rapaz de As mil e unha noites que Emilio xa coñecía, e démonos conta do importante que é a fantasía e a imaxinación para todos nós e máis ainda para as persoas que sofren o mal do esquecemento como o avó de Paulo.
Pensamos que quedan moitas cousas por comentar do libro e que sería interesante ver algunha película que tratara o tema do Alzheimer Para coñecer maís sobre ista enfermidade que nos pode tocar a calquera de nós.

CAPERUCITA EN MANHATTAN de Carmen Martín Gaite


Hoxe fixemos o noso segundo Xantar entre libros e tocou comentar as nosas lecturas. os maiores falamos de Caperucita en Manhattan, un libro que nos sorprendeu moito, xa que é unha historia chea de tenrura, de imaxinación e de bos sentimentos. Falamos da historia que conta o libro; falamos dos personaxes, que nos lembraron sentimentos como a liberdade e a amistade; tamén falamos de Nova Iorque e do xamón que é Manhattan para Sara e tamén falamos da forma que ten a nosa cidade....E de moitas cousas máis, ata que houbo que voltar ás clases....Ainda temos moito máis que falar desta historia...

13 de nov. de 2010

CUENTOS SILENCIOSOS

Unha marabilla de libro para agasallar neste Nadal...A versión en español chámase CUENTOS SILENCIOSOS... para ver e ler os contos de sempre dun xeito diferente.

9 de nov. de 2010

OS LIBROS DO MES DE NOVEMBRO...


Hoxe fixemos o noso primeiro Xantar entre libros na Biblioteca e foi todo un éxito. Compartimos xantar, charla e aventuras, sobre todo de libros, pero tamén de cine e música. Temos algún músico no grupo, pero ainda non queremos desvelar a súa identidade, xa saberedes porqué.>

Unha vez decidida a lectura para os maís noviños do Club xa na anterior sesión: Chamádeme Simbad de Francisco Castro, tiñamos que fixar outra para os máis veteranos. Decidimos ler Caperucita en Manhattan de Carmen Martín Gaite, unha preciosa historia, que ten como referencia o conto que todos coñecemos e do que estivemos a falar. Cadaquén contou a súa versión do relato e pensamos, ao final da lectura, facer a nosa propia versión cun final diferente e máis acorde cos nosos tempos.