17 de mai. de 2011

SALVA UN LIBRO




"Ao primeiro nin sequera estaba seguro de que se tratase dunha boa idea. Ocorréuseme mentres contemplaba ese papeis con anuncios de todo tipo que a xente pega nos lugares máis frecuentados[…] É doado distinguilos, pois pola parte de abaixo a folla sempre está recortada formando tiras onde aparece o teléfono ó que hai que chamar […]
Así que entra dentro da lóxica que se me ocorrese algo parecido cando volvín atopar un deses libros que me alborotan o corazón e me devolven a alegría de vivir. Ao rematalo, asaltoume de novo o desexo que sempre sentín neses casos: telefonar aos amigos, saír a berrar no medio da rúa, proclamalo a todo o mundo. Dicirlle á xente que non poden segfuir vivindo sen ler un libro así, hai demasiada beleza nel para ignoralo[…]
Ainda non era ben consciente do que quería facer, cando xa estaba diante do ordenador, copiando as primeiras liñas daquel libro de relatos que me tivera absorbido nos días anteriores […]
Imprimín vinte follas, en papel de cor azul. Despois tiven que recortar a man as tiras da parte inferior; foi un traballo laborioso, pero pagou a pena. Nelas, en vez do número de teléfono, escribín o título do libro e o nome do seu autor…"

Gustaríame salvar este libro porque... Porque nel aparecen dez fermosas historias de amor que son máis que nunca necesarias para sobrevivir día a día. E sobre todo un fermosísimo conto titulado UN RÍO DE PALABRAS que é un dos mellores convites á lectura que se pode facer…

SALVANDO LIBROS

SALVANDO LIBROS Que libro salvarías ti?
Esta exposición xorde dun traballo colaborativo entre 96 bibliotecas escolares galegas e pretende ser unha chamada de atención sobre a importancia de apreciar, coidar e manter o noso patrimonio cultural escrito. Pretendemos difundir a idea de que é imposible destruír os libros e os valores que neles se transmiten se somos quen de conseguir que formen parte de nós para sempre.
Esta actividade foi coordinada por Sabela da Escola Unitaria de Vide e Mª Dolores do IES Luís Seoane, que se encargaron da recolleita de todos os materiais...
Grazas tamén a Jaime Eizaguirre Santillán, ex-alumno do IES Sánchez Cantón, que deseñou estes carteis tan fermosos e orixinais para facer posible a actividade.

Aquí podemos ver unha escolma de libros salvados nalgúns dos centros de Primaria e Secundaria que participamos, así como de algunhas persoas relacionadas co mundo das letras e da cultura...




10 de mai. de 2011

LOIS PEREIRO

Aquí podedes ver unha presentación en power point feita por Elvira Roiz do IES Concepción Arenal de Ferrol sobre o poeta monfortino lois Pereiro, ao que se adica o Dia das Letras Galegas neste ano...




29 de abr. de 2011

EU FALO GALEGO....

No IES Fontem Albei de Fonsagrada fixeron este estupendo vídeo co que gañaron o Concurso do Correlingua 2011. Parabéns polo voso traballo.

8 de abr. de 2011

EL SEÑOR IBRAHIM Y LAS FLORES DEL CORÁN

Seguro que despois de ler o libro quedáchedes con ganas de máis... Pois aquí tedes un aperitivo de dous traballos que se fixeron sobre esta novela, unha película e unha obra de teatro. A película foi merecedora do Globo de Ouro no festival de Berlín conta cunha maxistral interpretación de Omar Shariff, que encarna ao Señor Ibrahim.

5 de abr. de 2011

O CARTEIRO DE BAGDAD de Marcos Calveiro


O libro que escollimos no mes de Abril para ler e compartir no Club de lectura de 1º e 2º de ESO é O CARTEIRO DE BAGDAD de Marcos Calveiro. Trátase dunha novela que se desenvolve durante a guerr, en Bagdad e na que o protagonista é Ibrahim, un neno de 11 anos, que terá que levar unha carta ao seu destino.
Mostrámosvos a presentación que se fixo con ocasión da presentación da traducción da novela ao español:

EL SEÑOR IBRAHIM Y LAS FLORES DEL CORÁN


O libro que escollimos para o mes de abril no Club de lectura de 3º e 4º de ESO ten poucas páxinas, pero moita beleza. Trátase de EL SEÑOR IBRAHIM Y LAS FLORES DEL CORÁN de Eric Enmanuel Schmitt, unha novela breve na que se nos conta a historia de Momó, un neno xudeu de trece anos que vive co seu pai en París, na rúa Azul. Nesa mesma rúa ten a súa tenda de comestibles o señor Ibrahim, un árabe co que Momó comeza unha relación moi especial que levará a ambos a decubrir a amizade, a beleza da diferencia e o cariño que fará cambiar de forma radical as súas vidas.

4 de abr. de 2011

HOMENAXE A XOSÉ NEIRA VILAS

o venres día 1 de abril fomos convidados a participar na homenaxe que se lle fixo a Xosé Neira Vilas na Biblioteca González-Garcés na Coruña. Tamén estaban alumnos e alumnas do CEIP Salgado Torres, que fixeron este vídeo que vos mostramos.
Grazas a Rosa por esta lembranza tan fermosa.



3 de abr. de 2011

GÚSTAME LER

INDIGNÁDEVOS de HESSEL



INDIGNÁDEVOS é o título dun libro que constitúe un pequeno manifesto ético publicado por Stéphane Hessel, un escritor eloitador de 93 anos, que nos convida á insurrección pacífica nun mundo dominado pola globalización, onde é o imperio económico e financieiro quen manda, un poder "ademocrático" que veu desenvolvendo un enriquecemento amoral que está a ficar impune mentres os máis débiles pagan a consecuencia da crise.

Esta semana visitou España para publicitar este ensaio, que levaba un tempo sendo xa un éxito dos que se espallan como as ondas que xera unha pequena pedra botada ao mar, ao mar da indignación. En Francia leva vendidos máis de 1.700.000 exemplares e foi traducido a 23 idiomas, entre eles o galego, o catalán e o vasco. Factoría K de Libros,ofrécenos a obra en galego, cun prólogo de Manuel Rivas, mentres que a edición en castelán, publicada pola editorial Destino, está prologada polo escritor e economista José Luís Sampedro e comeza así: "Yo también nací en 1917".

Hessel que naceu en Alemania, viviu en Francia, formou parte da resistencia contra os nazis, escapou do campo de exterminio de Buchnwald xusto antes de ser asasinado, traballou despois como diplomático da ONU e participou na redacción da Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948. O escritor militou no Partido Socialista e no movemento ecoloxista e sempre salientou na defensa dos valores éticos. Hoxe en día é firme defensor da causa palestina.

É un libriño pequeno, pouco máis de 30 páxinas, onde traza un breve bosquexo do que foi a evolución social dende a II Guerra Mundial aós nosos días co fin de invitar á "insurrección pacífica". Seguro que outros autores expoñen análises máis fundamentadas en amplos datos socio-históricos, mais o éxito de Indignádevos é o feito de ser un catalizador, unha voz grande na súa sinxeleza, cun claro destinatario: os xoves.

.

Hessel chama á necesidade de reparar e reflexionar, de fuxir da indiferenza para tomar o relevo da loita que homes como el protagonizaron. Reclama o espírito crítico ante "uns medios de comunicación de masas que non propoñen outro horizonte para a nosa xuventude que o consumo de masas, o desprezo cara aos máis débiles e cara a cultura, a amnesia xeralizada e a competición a ultranza de todos contra todos".
"Crear é resistir", "Resistir é crear", "Indignádevos". Saber o que nos indigna e tentar cambialo, non aceptar o inaceptable. A indignación como primeiro paso ante a pasividade e a apatía.
A indignación ante as leis do capital, ante o paro xuvenil, ante a perda de valores, ante as desigualdades sociais... e ante o incumprimento continuado dos fundamentos da Declaración Universal dos Dereitos Humanos
O éxito do libro ten a súa base no seu valor como manifesto ético e non debería pasar desapercibido aos ensinantes nen aos educadores, nen á sociedade en xeral como punto de reflexión para forxar a esperanza neste intre de crise no que estamos a vivir.

24 de mar. de 2011

COÑECENDO A BIBLIOTECA...

No IES Fontem Albei de A Fonsagrada fixeron este Lipdub que nos leva a coñecer un pouco máis a CDU e o funcionamento da Biblioteca. Parabéns polo traballo ben feito.


5 de fev. de 2011

EL ARQUITECTO Y EL EMPERADOR DE ARABIA de Joan Manuel Gisbert


...E para os pequenos do Club tamén temos nova lectura, agora en castelán. Trátase de El arquitecto y el emperador de Arabia , unha novela digamos que de aventuras, que nos levará ao mundo árabe. O seu autor xa é bastante habitual nas lecturas do noso club, pero os nosos socios máis pequenos non o coñecían ainda. Como segue a ser un dos nosos autores favoritos, este libro é a nosa proposta para o mes de xaneiro.