Dylan sabíase predestinado, mais, a pesar das
súas flutuantes crenzas relixiosas, nunca foi un Mesías. Elaborou
calculadoramente o seu roteiro. Dylan non era o medium a través do cal
se nos manifestase un Deus ora bondadoso ora colérico, tampouco un
individuo isolado capaz de levantar por si só o edificio dunha nova
Igrexa. Non, Dylan non se explica sen o imenso legado da música popular
do seu país, sen
Woody Gutrhie ou
Robert Johnson,
o home sapiens sapiens non é nada sen o coñecimento acumulado de
xeracións. O que fixo Dylan foi apañar o legado e ter a coraxe de o
abanear, sen temor a provocar a ira da ortodoxia. Niso si que tiña un
aquel de individualista, non deixa de ser un norteamericano, e nos
Estados Unidos -desde o conservador
Clint Eastwood até o progresista
Oliver Stone (ver
Snowden)-
a épica é a do individuo que muda o mundo, ou contra o Estado ou contra
os sacerdotes dun credo, no caso de Dylan os gardiáns das esencias do
folk branco.
John Lennon deixou dito que Dylan lle puxo cerebro
ao rock and roll. Si, cerebro e poesía. Toneladas de poesía. A personaxe
Dylan non se chama así por acaso,
Robert Allen Zimmerman, no momento de forxar a súa criatura, resolveu render tributo á figura de
Dylan Thomas e adoptou o nome do poeta galés, excesivo, xenial, psicodélico, un chisco
Walt Whitman.
Non foi postureo, Dylan Zimmerman adoraba Dylan Thomas, Dylan quería
escrever cancións, mais non calquera tipo de cancións, quería inxectar
poesía nos pentagramas e quería tamén, si, ser coñecido e amado polas
masas, así que optou por electrificar a súa música e as súas letras (o
rock tiña máis potencial comercial que o folk), nunca tocou como
Eric Clapton,
mais sabía que os versos con riffs entraban mellor na conciencia do
público, e el sempre tivo claro desde o minuto un que quería chegar ás
multitudes, que quería ser un autor de best sellers, non un artista de
culto para as minorías. Os seus críticos argumentaban: Dylan véndese por
dólares. Talvez fose por iso, non estou na súa conciencia para xulgalo.
Mais tanto me ten, o asunto é que se hoxe o seu cancioneiro é
universalmente coñecido é porque Dylan refugou sempre a tentación
elitista, do ponto de vista artístico a saúde da súa conta corrente é un
asunto ben menor.

Que
escritor é Dylan? Poderoso, hipnótico, magnético, enigmático. Salvo o
seu episódico paso polos púlpitos cristiáns, Dylan nunca se ofereceu
como un poeta redentor, como un portador de respostas. Desde
Blowin in The Wind,
sabemos que a resposta a temos que procurar nós proprios, non hai
salvadores supremos, ninguén nos ten por que indicar o rumo. Nen nos
dirixiu nen quixo que o dirixísemos,
it ain't me, babe/
no, no, no, it ain't me, babe/ it ain't me you're lookin' for, babe. Si
que tivo sempre unha vocación, a de ser comprendido, enxergado, non lle
interesou nen ser hermético nen críptico, aínda que a súa carreira é a
de alguén que se reinventa en cada concerto (até facer irrecoñecíbeis os
seus clásicos até para os iniciados) nunca deixou de ser un cantor de
música popular, isto é, un vate que escrebe os seus versos para o pobo.
Nisto non é
John Ashbery, o outro grande poeta
norteamericano, o neiorquino que, el si, reúne versos en formato libro e
non sabe tocar a guitarra eléctrica e que, aliás, tamén é capaz de
facer que un arreguizo che percorra o espiñazo, embora non entendas ben
toda a concatenación dos versos, o significado profundo dos vocábulos, a
música celestial das palabras.
O Nobel a Dylan reabre o debate sobre os límites, os lindes, as
fronteiras, da literatura. Estamos en 2016. Parece mentira que aínda
cuestionemos que os xéneros son convencións e que a literatura é unha
planta que pode agromar en todas as leiras só coa condición de que
detrás haxa primeiro talento e segundo, ou quizá primeiro, unha voz
propia, un alento distinto, un instinto por conservar e por renovar á
vez. O instinto do Dylan folk non morto -eis algunha das pezas do
recente
Tempest-, mais tamén do Dylan que mudou para sempre a música rock -despois de o coñecer en 1964, os
Beatles, de retorno a UK, facturaron o
Rubber Soul e aquilo foi un parte-augas, nada voltou a ser o mesmo.
Claro que hai literatura de primeira na música popular -pensemos en
Leonard Cohen ou en
Chico Buarque, este, alén do máis, romancista de altura-, e tamén na escrita para o cinema -
Fernán Gómez,
Billy Wilder...- ou no columnismo xornalístico -desde as pezas do noso
Castelao na
Nosa Terra até o norteamericao
Guy Talese ou
Paco Umbral.
Nese sentido, o Nobel a Dylan é o primeiro premio moderno que dá a
Academia sueca, o primeiro que toma nota de que estamos no século XXI e
que a arte se leva mal cos corsés e cos dogmas, non deixa de ter a súa
graza que sexa unha institución deste teor, as academais son sempre
formais, a que mostre que as regras clásicas caducaron.
Algún día gañará o Nobel unha escritora de tuits, xa o veredes e non
me parecerá mal. Mentres tanto, talvez o xenio de Duluth (naceu nesa
pequena cidade de Minnesota o 24 de maio de 1941) resérvanos algunha
sorpresa para o discurso de recepción do premio. Tende claro que non nos
ensinará ningunha saída ao labirinto. Imos ter que a procurar nós
proprios. Mellor así.