Aquí vos deixo dous artigos moi interesantes sobre Futuro imperfecto e a súa autora, Xulia Alonso
----
14
Dec
Digo pouco se digo que
Futuro imperfecto, de
Xulia Alonso Díaz
(A Rúa, 1961), aborda unha historia nunca contada a xeito na literatura
galega, a dos anos da droga como espello libertario dunha xeración, a
da autora, que sentiu o alustro dun novo tempo, no transo da ditadura a
unha aira aberta onde todo era posíbel e todo estaba por facer. Eses
mozos e mozas sofreron ademais, en primeira persoa, os primeiros e máis
dramáticos envites do VIH. Apandaron co peor, o oprobio social, a
vergoña, o descoñecemento da doenza, a experimentación nos tratamentos…
Tiveron que pasar tres décadas para lermos esta historia, pero aquí
está. Conmovedora, única, tan grande como a vida.
Se algo caracteriza as letras galegas é o pudor, un pudor exacerbado,
larvado e paralisante, que foxe dos testemuños, que adorna o sexo con
palabras poéticas, e que, en moi contadas ocasións, chama as cousas polo
nome. Aínda hoxe, non sei se debido ás dimensións cativas do noso
sistema literario, moitas autoras e autores temen esa expresión clara e
autobiográfica. Mesmo son
correctos na ficción, até ese extremo
chega o seu pudor. Non queren que ninguén pense que ese personaxe.., o
mellor alguén cre que… non vaia ser que se interprete que eu… A primeira
norma que gozosamente incumpre Xulia Alonso é o recusamento do pudor e
da retórica. Aquí non hai alambiques nin metáforas, só hai valentía, con
nomes e apelidos. Acaso a literatura non é iso, a Verdade? Hai unha
historia de desolación e de esperanza, que manca e que sanda ao mesmo
tempo: unha historia real. En tempos nos que a virtualidade o preside
todo, o real é un galano, algo valioso e estraño (“Busco real”/”Looking
for real”, pódese ler nos chats e nos foros virtuais), algo xa
certamente inapreixábel. Pero isto é real. Unha longa carta ao
compañeiro, ao amado, ao que marchou, como marchaba o amigo naquelas
albadas provenzais, que puñan en verso a separación dos amantes. Unha
carta que é, ademais, unha cápsula de memoria de efectos reparadores
para quen a le. Así o di Xulia Alonso: “A memoria, o elemento
fundamental para engarzar os elos que dan sentido á vida, que poder!”.
Hai tanta verdade neste texto, e tan
desoladora, que é complicado lelo sen emoción. Cando collín o libro
entre as mans, nunha mesa da Libraría Couceiro, souben pola fotografía
que ilustraba a capa, Nico e Xulia na plenitude dunha praia de Portugal,
moitos anos atrás, que
Futuro imperfecto había de converterse
no que creo que xa é, unha peza única da nosa memoria colectiva, o
relato xusto, vivido, brillante e dramático dunha xeración. Os
estudantes chegaban a Compostela a mediados e finais dos anos setenta.
Ficaban atrás os días na vila ou na aldea, na grisura do contexto
represivo da familia e das tradicións. Unha vez alí, na terra de
promisión, conquistaban cada un dos seus días, días sen rumbo fixo, sen
fronteiras, días só para vivilos. Desde a proa da Quintana, nos bares de
madrugada, nos cafés… Alí coñecían o amor, a xoldra, o apetito
intelectual, o creativo, a amizade, a militancia, o compromiso, a
nación, os libros, a política, o idioma, a droga… Xulia Alonso foi unha
daquelas estudantes e cóntao con impecábel elegancia e transparencia.
Como conta o inferno da dependencia, o abismo do
cabalo, a
certeza do seu sentimento amoroso, a dureza da desintoxicación, o
desconcerto dun sistema sanitario desbordado pola pandemia, o milagre da
maternidade e a batalla contra a morte, a valentía de encarala, de
falarlle de fronte…
Quen procure retóricas baleiras en
Futuro imperfecto é mellor que regrese a esoutros escritores/as
malencónicos/as
que falan de amor sen conseguir sobordaren as fronteiras do seu ego.
Alguén dirá que esaxero pero poucas historias de amor como esta hai na
literatura de noso, poucas tan descarnadas e vivas, tan latexantes. Fala
unha sobrevivente, alguén que soubo extraer ouro do desespero, vencer
os medos, ao primeiro aninada pola heroína, depois limpa, depois doente,
pero sempre afouta, compañeira, nai, filla da súa nai, neta da súa
avoa, colléndolle o compás ao mundo, batendo coma un búfalo contra a
propia inxustiza de vivir, admirábel, heroica…
Importa moito o estilo, a forma..? Non o creo. E malia iso Xulia
Alonso consegue cifrar o seu relato no seo dunha expresión depurada,
equilibrada mesmo nas súas faces máis dramáticas… Ese estilo, vocativo, é
xusto mesmo para falar da familia, a rede de todos os saltos mortais;
da nai que lle dá fregas de augardente á súa pequena para tirarlle o
frío medular do síndrome de abstinencia; dos irmáns; do pai que reaxe
ante o abismo como farían os pais daquel tempo, saltando por riba de
todo, domeando os seus impulsos autoritarios nun supremo acto de amor… E
dos amigos, “a guerrilla aliada”, chámaos Xulia Alonso, os que terman
da parella, os que lle procuran a enerxía e o tempo que precisan para
unha existencia con data de caducidade, na que cada día é unha epifanía,
e cada pequeno progreso de Nico unha batalla gañada por ela, tamén
mancada pero sempre enteira, para os dous, polos dous.
Logo están os espazos. Foi por acaso que onte e hoxe, mentres
devoraba as páxinas deste libro, dera eu en transitar polos mesmos
lugares da novela/carta/diario/declaración de vida de Xulia Alonso: o
Vigo da rúa Coruña, Balaídos, Camelias, o Breadouro, na praia do Vao, ou
o Hospital do Meixoeiro, onde só hai unhas horas me pareceu ver a Nico
camiñando polos seus corredores, abraios da literatura e da memoria que
só logran libros coma este, tan vivos e conmovedores.
Hai versos que encabezan os capítulos, moitos deles de
Lois Pereiro
(“A man dereita á dereita do corpo/a man esquerda á esquerda./En plenas
facultades./Teño a cabeza no centro do mundo/e voulle cambiando os
argumentos/ós meus soños escasos e prudentes”), que adquiren unha altura
singular, magnífica, no confronto coa historia de Xulia, Nico e Lucía, a
filla dos dous. A narración de
Futuro imperfecto e eses poemas
de Pereiro comparten a mesma escisión, ecoan na mesma ferida, falan da
vida, da morte e de amor, da “mirada atlántica” do amado. Que outra
cousa hai? Onde pode haber máis verdade ca niso..?
Sei que o que vou dicir non é un argumento habitual de crítica
literaria, mesmo para alguén constituirá un demérito. Pero confeso que
con este libro de Xulia Alonso me aconteceu algo que nunca na vida me
acontecera, nos meus trinta anos de experiencia lectora. Chorar, sen
límite e sen consolo, ao longo de páxinas e páxinas, coma nunha catarse,
cos ollos anegados nos catro, cinco, sete últimos capítulos. Paga a
pena chegar até alí, confésoo, paga a pena acompañar a esa parella que
nos sorrí chea de vida desde a capa de
Futuro imperfecto, pechar
o libro, respirar, enxoitar as bágoas e mirar como a vida segue, e como
hai literatura, alentada polo amor e pola memoria, tan grande como a
propia vida. Moito obrigado, Xulia.
https://unpaisenlata.wordpress.com/2010/12/14/futuro-imperfecto-de-xulia-alonso-diaz-literatura-grande-como-a-vida/
...................................................................................
Coñecín
a Xulia en Santiago. Nunha casa da rúa Loureiros, nun piso con varios
cuartos que a pensión fornecía aos estudantes. Ela vivía ou compartía o
cuarto cun colega do piso e viámonos case sempre no pasillo camiño do
baño. Non podo dicir que cruzara moitas palabras con ela, un saúdo e
pouco máis, pero, iso si, sempre agasallaba o encontro cun sorriso
fulgurante en medio dun rostro de plenitude e ledicia. Era o meu
primeiro ano en Santiago e aquela rapaza era case o primeiro signo da
nova vida de estudante, libre e algo desordeada (en horarios, sobre
todo) da universidade. Se lembro este pequeno detalle é porque resulta
fundamental na miña lectura deste libro devastador, que se le nun único
alento, titulado Futuro imperfecto.
É posible que outros/as obteñan esa mesma sensación sen esta mínima
experiencia. Pero eu non puiden. A portada, ademais, non contribúe para
nada a sustraerme a aquela imaxe miña santiaguesa, xa que a mesma
faciana da foto, o mesmo corpo semiespido imponse sobre o relato
terrible, abafante e catártico de Xulia Alonso Díaz e magnifica a
tristeza infinita que desvelan as súas páxinas.
A
historia está contada en forma de confesión. Ou en forma de desabafo
torrencial destinado ao seu Nico, nunha prolongada e apaixonada
declaración de amor como poucas veces se teñen visto nun texto destas
características. Baixo esta fórmula do discurso dirixido a un ti
ausente, morto en terribles e agónicas circunstancias, Xulia Alonso Díaz
non aforra ningunha palabra para definir todo o proceso, desde o
momento en que decide saír de casa, vivir unha entusiasta e eufórica
existencia, engancharse á heroína e, ao mesmo tempo, ao amor eterno da
súa vida, e á enfermidade e á propia morte. Non temo contar toda a
historia, porque non é necesario descubrir eses fitos, por outra parte
tan tristemente recoñecibles en moitos amigos e amigas das nosas
xeracións, entregados ao servidume das drogas e consumidos co sida ata a
pura extinción. Con epígrafes de Lois Pereiro en moitos capítulos, o
relato de Xulia Alonso Díaz, autobiográfico sen estratexias
enmascaradoras, describe cunha riqueza de matices todos os pasos dese
descenso aos infernos (esa palabra aparece moitas veces), con duras
imaxes do declive físico (son dorosamente exhaustivas e minuciosas as
súas precisións sobre a enfermidade), con sutiles apreciacións sobre os
seus pais ou a súa familia (ese pai autoritario que se derrumba fráxil
diante da filla enganchada; esa nai resignada que aparece como bálsamo
ou metáfora da salvación), con sobrecolledores instantáneas de certos e
significativos intres (eu cheguei a emocionarme coa fotografía fixa das
calugas dos seus irmáns na parte de diante do coche cando estes a levan a
unha casa de internamento en Logroño), con metáforas e analoxías de
ruínas ou de abismos. Non é un libro que pida ser lido como un cúmulo de
sucesivas caídas ao máis profundo da tristeza e do abandono, senón como
unha catarse, unha necesaria ollada para salvarse da asfixia. A novela
actúa como ese ansiolítico que debe tomar a autora nun semáforo da rúa
Coruña para poder respirar tras esa dor que se manifesta en cada unha
das partes do seu corpo.
Pero
esta sensación de ansia, de agonía permanente, non debe e non pode
agochar o intensísimo amor que se proclama por todo o texto. Dentro dese
relato de destrucción, explicada como ignorante explosión de liberdade
(ela inclúe algunha apreciación sobre a época de carácter xeracional),
Xulia Alonso Díaz aproveita para introducir un sentimento amoroso pleno
de entrega. Non só cando trata de pintar o fulminante namoramento, dun
romanticismo radical, senón cando de forma moi precisa plasma as
caricias e os bicos no trance demorado da enfermidade ou o contacto
físico dos corpos na cama na previa agonía da morte. Non é fácil atopar
unha literatura de tan intenso dor e de tan intenso amor ao mesmo tempo
como a que atopo neste Futuro imperfecto.
É certo que un pode correr o risco de deixarse levar pola pura
narración dos feitos, polo feitizo de saber máis desa sucesión
desesperante de caídas, e non mirar neste relato un precioso e elaborado
texto poético. Sería natural, porque o poder da historia supera
calquera aproximación puramente literaria, pero o libro está
admirablemente narrado, con un uso de imaxes moi poderoso, cunha
deliberada estructura de suspensión e pautas de emocións e, sobre todo,
cun moi suxestivo catálogo de metáforas para explicar todos e cada un
dos momentos que lle tocou vivir ao longo da súa intensa e apaixoante
(en todos os sentidos da palabra, pero, sobre todo, como padecemento e
como entusiasmo) vida.
Vina,
despois de moitos anos, nunha pequena festa na casa de Coruxo co
céspede mol e magnolio que aparece no libro. Espero vela moi axiña para
darlle as gracias en persoa por este magnífico e conmovedor relato, que
só pode lerse dun tirón mantendo a respiración ata a última páxina.