18 de fev. de 2012

CANTAUTOR....LUIS PASTOR

Luis Pastor na presentación do libro de Armando Baptista-Bastos: "José Saramago. Un retrato apasionado". Penso que non se pode decir mellor nen máis preciso...

14 de fev. de 2012

DÍA DOS NAMORADOS

Unha estupenda escolma de poemas de amor en once linguas diferentes feita polo equipo de Biblioteca do IES San Paio de Tui

27 de jan. de 2012

DÍA DA PAZ

No IES San Paio de Tui elaboraron esta estupenda e completa listaxe de películas que podemos empregar nas aulas para traballar pola PAZ .

Grazas tamén ao IES San Paio por compartir esta escolma de textos que recolle diferentes voces que falan da PAZ.

10 de dez. de 2011

10 de decembro: DÍA DOS DEREITOS HUMANOS


63 anos despois da súa proclamación, segue sendo necesario lembrar esta data, 10 de decembro, na que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración dos Dereitos Humanos.

Necesario porque nin tan sequera nos países que asinaron esta declaración están garantidos estes dereitos en igualdade de condicións para toda a poboación. Non hai máis que botar unha ollada ao noso arredor, asomarse ás noticias.

Mais aínda así cabe pensar que un outro mundo é posible, que hai arrecendos espallados no ar que nos permiten prender unha candea pola esperanza, por estas xeracións, hoxe nen@s, adolescentes, que medran nas nosas aulas, ao abeiro das nosas Bibliotecas -das súas lecturas, da súa información, da súa formación- nen@s e adolescentes que se implican ilusionad@s e con empeño en proxectos coma "Coñecernos para querernos", nun intercambio persoal e de coñecementos con nen@s dos campamentos saharahuis, para quenes a apertura dunha biblioteca con (o Bubisher) ou sen (O Niño do Bubi) rodas, supón moito máis que un mundo de oportunidades. Para acceder á ilusión, aos soños, á formación, ao coñecemento doutras culturas, doutro idioma.

E con esa candea acesa, brincan faíscas que prenden en case un cento de Bibliotecas Escolares Galegas, que por todo o país escollen cada unha un fermoso álbum ilustrado para agasallar a ese recén estreado Niño do Bubi, porque, coma nas nosas propias Bibliotecas, toda inauguración é unha festa. A esa festa que é a lectura, nesas bibliotecas acubilladas na area, queremos enviar estes álbumes como aves portadoras de boa sorte, como bubishers* cheos de cor, imaxes, historias. Porque as nosas bibliotecas, @s nos@s lectores e lectoras, compartimos co Bubisher, cos lectores e lectoras das súas bibliotecas a crenza firme nos Dereitos Humanos, dende o seu 1º artigo: "Tod@s nascemos libres e iguais en dignidade e dereitos"

* O bubisher (Oenanthe leucopyga e Oenanthe leucura) é un paxariño tímido que vive na Península e tamén en África, aquí chamámoslle collalba negra e no Sáhara o seu nome significa paxaro da boa sorte, no dialecto hassaní é Bubchir بوبشير (o da boa nova) porque adoita aniñar e criar despois das choivas, o que quer dicer que medrará a herba, algo moi importante para quen ten gando.

Bubisher é tamén o nome dun autobús-biblioteca que circula entre os campamentos do Sáhara para levar lectura e información. Ou sexa, unha biblio... pero con rodas!!!


Se queredes unirvos á iniciativa de Álbumes para o Bubisher, só tedes que poñer os vosos datos xunto ao resto das Bibes Galegas.


Texto de Maribel Serantes (CEIP Os Casais)


2 de dez. de 2011

PREMIOS PARA AS BIBLIOTECAS ESCOLARES GALEGAS

As BIBLIOTECAS ESCOLARES GALEGAS veñen de recibir 6 novos premios no Concurso Nacional de boas prácticas 2011, do Ministerio de Educación.
  O Ministerio de Educación vén de comunicarlle á esta consellería que no Concurso Nacional de boas prácticas na xestión e dinamización das bibliotecas escolares, correspondente ao ano 2011, acadaron galardón seis bibliotecas escolares desta comunidade. Por segundo ano consecutivo, o primeiro premio na modalidade de ensino infantil e primario é para un centro galego.

Velaquí a relación de centros premiados:
  Modalidade A (centros de ensino infantil, primaria, educ. especial e educ. de adultos):
  1º premio: CEIP A LAMA (A Lama, Pontevedra)
  2º premio: CEIP CONDESA DE FENOSA (O Barco, Ourense)
  3º premio: CRA DE RIBADUMIA (Ribadumia, Pontevedra)
3º premio: CEP XOSÉ Mª BREA SEGADE (Taragoña-Rianxo, A Coruña)

Modalidade B (centros de ensino secundario, form. profesional, ensinanzas artísticas...)
  3º premio: IES DE CELANOVA (Celanova, Ourense)
  3º premio: IES ALEXANDRE BÓVEDA (Vigo, Pontevedra)

  Parabéns ás comunidades educativas destes centros polo esforzo realizado, e polo recoñecemento que estes premios supoñen á profesionalidade e o compromiso do profesorado que pon en marcha e mantén estas bibliotecas, estes espazos educativos de primeiro nivel. As nenas e os nenos que se forman nelas como lectores e como cidadáns, ben o merecen.

21 de nov. de 2011

CONGRESO BIBLIOTECAS ESCOLARES EN TRÁNSITO

Recollemos aquí a información sobre o congreso Bibliotecas Escolares en Tránsito, celebrado en Santiago os días 10, 11 e 12 de Novembro de 2011., e no que tiveron unha participación moi importante as Bibliotecas Escolares galegas...
 http://www.bibliotecasescolaresentransito.com/

BIBLIOTECAS ESCOLARES GALEGAS

Este vídeo foi rodado en varios colexios e institutos galegos que participan no Plan de mellora de Bibliotecas escolares. e presentouse no Congreso Bibliotecas Escolares en Tránsito, celebrado en Compostela os días 10, 11 e 12 de novembro de 2011, organizado pola Consellería de Educación en colaboración co Ministerio de Educación.

Biibliotecas Escolares en Tránsito [GAL] from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

14 de nov. de 2011

ONDE A LINGUA SABE A PAN.....

No colexio Virxe da Saleta de Cea fixeron este lipdub convidándonos a saborear a nosa lingua a ritmo de rock e con sabor a pan...

20 de out. de 2011

MULLERES PIONEIRAS

Grazas a Olga, responsable da biblioteca do CEIP Milladoiro de Malpica, podemos coñecer a traxectoria dun conxunto de vinte mulleres galegas que como empresarias e emprendedoras...foron protagonistas da nosa historia . Estas biografías, que fixeron posible visibilizar o traballo das mulleres en Galiza, formaron parte da exposición PIONEIRAS, que co apopio do desaparecido Servizo Galego de Igualdade percorreu Galicia no ano 2009. Un traballo estupendo que é necesario, máis que nunca, recuperar!