22 de jun. de 2016

Suxerencias lectoras para toda a familia


Imos ler no verán O Hotel Fantastique está no medio do Salvaxe Oeste. Nas súas cociñas a pequena Esmeraldina é feliz, aprendendo todos os trucos culinarios da man da súa. A vida avanza entre pucheiros ata que un andazo de febre escarlatina acaba coa vida da nena. A noticia da súa morte corre como a pólvora entre os habitantes do alén, e empezan a chegar ao hotel defuntos de todas as procedencias, dispostos a instalarse. Esmeraldina necesita aprender a ser unha pantasma de verdade




 Zairo participa co seu pobo na Gran Cacería. É o costume para deixar de ser neno e converterse nun home. Mais á volta todo mudou moito máis do que cabería imaxinar: desapareceron da aldea as mulleres e os rapaces, enxergando un futuro incerto.











 Un equipo de guionistas –tres mulleres e dous homes– recibe a encarga de escribir os guións dunha futura serie de televisión que se titulará As fronteiras do medo. Para concentrarse no traballo, acordan recluírse nun hostal solitario, nas terras da Fonsagrada. Ao terceiro día, comeza a nevar. Unha tormenta que semella non rematar nunca, que interrompe as comunicacións e o fluído eléctrico, e que os deixa illados do mundo. Mentres traballan nas historias da serie irán descubrindo que naquel hostal ninguén é quen aparenta ser e que un medo irrefreable comeza a filtrarse nas súas vidas.





 Amor é unha palabra coma outra calquera... ou non. Carla, a protagonista desta novela, organiza a vida arredor do amor, do seu amor, do amor co que vive, do amor que soña, do amor que lle falta. O amor aprendido nas películas rosa, nas cancións melódicas, nas novelas cursis. Carla, en definitiva, organiza a vida arredor de seu home, pero, que acontece cando ese centro de gravidade un día colle a porta e marcha?, e que acontece se, ademais, un cadáver aparece dentro da casa para acabar de darlle a volta a todo? Unha novela de amor contra o amor. Porque amor é unha palabra coma outra calquera. Ou non.





 Un arrepiante suceso acontecido durante a II Guerra Mundial en Vigo –cidade daquela ateigada de espías nazis e aliados– ten dramáticas consecuencias setenta anos despois, cando o rico nonaxenario Eliseo Sandamil Bentraces teme ser vítima dunha vinganza e contrata o detective Nivardo Castro, que actúa, coma outras veces, acompañado polo xornalista Carlos Conde.













 Unha muller é sorprendida pola chegada da policía á súa casa para deter o seu home, un político, por un presunto delito de abusos sexuais de menores. A acción de “A dúbida” desencadéase a partir dese feito, que provoca o conflito psicolóxico desa muller que empeza a dubidar se coñecía realmente ao home. Equipo de normalización e dinamización lingüística Equipo da Biblioteca IES Ramón Otero Pedrayo da Coruña

5 de jun. de 2016

Entrega do Premio O FACHO a Alba Pose Castro

O venres 27 de maio foron entregados na
Asociación Porta Ártabras os Premios de poesía,  narrativa e teatro convocados pola Asociación Cultural O FACHO .
Aquí tedes á nosa alumna Alba Pose Castro, que recibiu o 2° premio de narrativa, polo seu relato  "Cifras", entre as demais premiados, que neste caso foron todas mulleres.
Parabéns Alba e grazas pola túa historia...

2 de jun. de 2016

Intercambio lingüístico



Despois de tantas cartas, tantos libros, tanta expectativa, chegou o día do Intercambio 2016.

Nesta ocasión, o alumnado de Coristanco visitounos na Coruña. O IES Ramón Otero Pedrayo fixo de anfitrión e guía por distintos lugares da cidade.

Desfrutamos dun día diferente con algo de todo e sobre todo, con sol.

Ata o ano que vén!!!



12 de mai. de 2016

Os soños na gaiola visitan os CEIPs María Pita e Ramón de la Sagra


Moito traballa o noso alumnado a prol da lingua e da literatura galega. Desta volta, prepararon diversas cancións da obra Os soños na gaiola de Manuel María para cantárllelas ao alumnado das escolas das que eles mesmos proceden. 

Mágoa que a calidade do son non sexa a mellor, porque realmente o fixeron moi ben. 


O Carro visto polo alumnado do CEIP Armenteira


O himno por excelencia de Manuel María, interpretado por Fuxan os Ventos e ilustrado polos rapaces de Primaria do CEIP Armenteira.

20 de abr. de 2016

1916-2016 .:Centenario das Irmandades da Fala:.



Este é un carné real das Irmandades da Fala, nacidas un 18 de maio de 1916 na Coruña.

O xoves 18 de maio de 1916 o alcalde da Coruña, Manuel Casás (Picorete), preparaba un previsor encontro con diversas entidades para as festas de agosto e os veciños agardaban con interese o match do domingo entre os clubes Deportivo e Coruña en Riazor. Nese contexto prácido, só alterado polos ecos da Grande Guerra europea, tivo lugar na cidade un feito transcedente para a cultura e a política de Galicia. O primeiro piso do número 38 da rúa Rego da Auga, local da Real Academia Galega, acolleu unha reunión dun "grupo de entusiastas", segundo cualificou aos partipantes un medio local, para constituír unha entidade que defendera e potenciara o uso do idioma galego, a Irmandade dos Amigos da Fala Galega

Artigo orixinal

Entre os seus obxectivos estaban a igualdade de homes e mulleres e a posta en valor da estética tradicional da arquitectura galega. Eran unha sociedade moderna, hoxe os seus obxectivos serían actuais. 

Quixemos reproducir os carnés de algúns dos seus membros. Descubrimos que había moitas mulleres que tamén eran irmás desta asociación. Aquí están algúns dos nosos traballos. 



Para rematar, un vídeo no que podedes coñecer a filla de Elvira Bao, Elvira Varela Bao, que lembra moi ben como funcionaban as Irmandades e como a Guerra Civil cortou a súa actividade


Vídeo Correlingua 2016




O IES de Elviña foi o gañador do concurso de vídeo do Correlingua deste ano. Oxalá esas caixas de poesía express chegasen a todos os centros.


Parabéns!!! Bo traballo.

5 de mar. de 2016

29 de fev. de 2016

Rosalía tería Iphone?









#MobilizaRosalía

Hoxe todo o noso centro estivo imbuído do espírito de Rosalía. Chiamos #iesoteropedrayocoruña, recitamos, pintamos, revisamos...