23 de jan. de 2010

ENCONTRO CON BALI RAI

O día 22 de xaneiro tivemos con nós ao escritor indú BALI RAI, que nos falou da súa novela Un casoiro ben mal amañado.. O encontro tivo lugar no Salón de Actos da Biblioteca Pública Miguel González Garcés, que nos cedeu o seu Salón de Actos para esta actividade. Bali Rai falounos de como naceu o libro, dos seus proxectos como escritor, da súa vida actualmente en Inglaterra e da súa forma de entender a convivencia de culturas diferentes en diversos lugares do mundo. Pensamos que foi unha actividade moi interesante, xa que nos posibilitou coñecer unha cultura diferentre á nosa, facernos preguntas e reflexionar sobre temas que habitualmente non se tratan nas aulas, a pesar de ser fundamentais para entender o mundo no que vivimos.
Bali Rai explicounos como xurdiu a idea do seu libro desta maneira:
«Unha conversa casual cunha das miñas mellores amigas, Penny, conduciu a un cambio de dirección do proxecto da novela. Ela suxeriu que a escribise para adolescentes e desde o seu punto de vista. Uns meses máis tarde saíu o libro publicado. Nunca pensei que sería publicado, nin me importou gañar premios ou crear tanto interese. O meu obxectivo era escribir algo diferente, dirixilo a lectores que non estivesen interesados na temática dos libros máis lidos. Quería escribir algo fresco e accesible que interesase a diferentes culturas e idades. A novela é en parte autobiográfica e en parte baseada en experiencias reais de amigos e familiares. Tamén buscaba sacar un montón de cousas do meu peito, cuestión como tentar averiguar se eu era asiático ou inglés, ou ambos, e tentar equilibrar as obrigas familiares coas presións externas como os amigos e a cultura xuvenil. Iso, e tamén reflexar a singularidade de Leicester como a maior cidade multicultural de Europa. O multiculturalismo é algo do que son un apaixonado defensor. Encántame a maneira de vivir que os ingleses non-brancos redefiniron, o que significa ser deste país e incluír as súas peculiaridades culturais en todo, desde a moda á comida, á música ou ao cine. Debemos estar orgullosos, ao mesmo tempo que abertos e ser honestos sobre as cuestión a que nos enfrontamos como comunidade. Eu quería reflexar o que sentía ao ser inglés dentro dos meus propios zapatos. E creo que até certo punto o logrei».