28 de out. de 2016

XIÁN LOIS ALCAYDE DANS, gañador do I Concurso "Balbino" de Relatos visita a nosa biblioteca

        Xián Lois Alcayde Dans, exalumno do noso instituto estivo con nós o venres 28 de outubro para presentarnos o seu libro "Camiños na sombra", que ven de gañar o Premio Balbino, convocado pola Fundación Neira Vilas.
        Aproveitamos para convidalo a participar con nós nunha sesión do noso Club de lectura, arredor  do tema  da literatura para adolescentes...



Presentación:     CAMIÑOS NA SOMBRA
 de  XIÁN LOIS ALCAYDE DANS



Varios alumnos e alumnas do noso Club de lectura levaron a cabo unha emotiva e fermosísima presentación que queremos partillar con vós....

"Eu son Balbino  (co libro “Memorias dun neno labrego”,  na man…) coma quen di un niguén"…
                           (Deixa o libro confundido e colle os papeis)

"Eu son Xián… (confuso e aturdido) ….  eu son Rubén, eu son Liam, Tamara, Carlos, Cintia, Lina, Iván Yuyi, Julia".…

Eu son JULIA,  unha rapaza da Coruña, coma calquera outra, coma quen di unha  ninguén"….
                   (Detén a súa lectura, , mira para o seu arredor, e pregunta ao público):

         Pero, que facemos hoxe aquí?...

(Mira a Xián e segue a ler)
        
         "Hai xa máis de.....”moitos” ou “poucos” anos, cheguei a este instituo. As clases, os profes, os compañeiros e compañeiras... todo novo. Eu sentíame dun xeito extraño...
         Pero alí había un lugar especial, unha porta aparentemente igual que as demais, pero que daba entrada a un lugar máxico para min, onde os libros eran donos dun espazo preferente.
         Aquel sitio era a BIBLIOTECA, e converteuse para min en refuxio, en ventre, en colo, en sangue que enchía o meu corpo, o meu corazón e a miña cabeza de historias.
         Convertín a BIBLIOTECA no meu refuxio, no meu “lugar” para ler, para escribir, para estar en calma, para evadirme dunhas clases que pouco me  gustaban, tamén alí facía “os deberes”, pero sobre todo, para evadirme nuns intres do mundo exterior e entrar no meu mundo, grande ou pequeno, pero cheo de personaxes e seres fantásticos.
Xa era unha persoa mais dese “club de los raros” do que fala Jordi Sierra i Fabra".

                   ----------------------------------------------------------------------

         (Óese unha berro ao lonxe)
“BALBINO, BALBINO”..........demo de rapaz, sempre embobado coas súas lerias.....e o Manolito, sempre a bater nel, porque, sabedes?, o Manolito é o señorito da parroquia...

                   -------------------------------------------------------------------

         Lembro agora un dos meus autores “especiais” , Jordi Sierra, que con só 11 anos xa escribía  unha “novela” de máis de 500 páxinas cheas dunha imaxinación desbordante , pero castrada por unha profesora de literatura  que non foi quen de entender  a súa fantasía.
Ese neno, que hoxe, xa peitea canas e destila  rock and roll pola súa pel, é  hoxe un home que ama con paixón a música, o cine, a literatura, o teatro,.... e a VIDA, así con maiúsculas. E afirma contundentemente que non pode vivir sen a ESCRITURA, e sen a LECTURA.
         Xián tamén necesita escribir para vivir....



Este feixe de relatos que nos presenta Xián, pensamos que son o froito dun longo e coidadoso traballo de escritura, de moitas lecturas, de moitas viaxes a través das palabras que o autor manexa con asombrosa mestría. A dun escritor, que a pesar dos seus poucos anos, mostra unha madurez incríble coma persoa e como creador.

         Un IMPULSO  percorre o libro, a bordo dun SIMCA 1000. As Células entran en revolución cando descubrimos o misterio da vida ao andar Entre o millo. O Caimán asexa cós seus prismáticos e coa cámara o baño das rapazas mentres Dona Corcheta loce o seu elegante abrigo importado de Rusia
         LEMBRAS?  Un pasado triste e noxento  xúnguenos a todas e a todos, herdeiros dunha guerra cruel e incivil. O susto dunha estufa, acendida toda a noite, prende o lume na soidade dun home feble e namorado.   

Todo isto adubiado por unha língua (o galego) moi rica en plenitude, chea de poesía, de música, de personaxes perfectamente construídos, de enumeracións tecidas co tempo da arañeira constante e teimuda que agarda  polas súas presas: NÓS, lectores e lectoras engaiolados coa súa maxia.
         Anímovos a todas e todos a camiñar con Xián polo camiño dos libros e das historias acontecidas, e das que aínda están por acontecer. Xián, esperámoste de novo para que nos traias moitas e moitas máis......
GRAZAS por estar con nós...