7 de nov. de 2012

Club de lectura NOVEMBRO: "MEMORIAS DUN NENO LABREGO"

"Eu son Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre". Así comezan os pensamentos e as aventuras de Balbino, o neno protagonista de "Memorias dun neno labrego", novela que escribiu Xosé Neira Vilas e que nos fala do mundo da infancia nunha aldea galega. Conta neste seu diario as súas experiencias, desde as celebracións do Entroido na súa aldea ata a vivencia dramática do loito familiar pola morte do padriño esmagado por un carro, feito que lle impide disfrutar da festa. A morte tamén está presente na trampa para raposos na que cae o seu can Pachín; alí planta despois unha cerdeira. Únense deste xeito esperanza e loito, sempre á busca dun futuro non escrito. Así, cando non pode disfrutar da festa, vai á rebusca ao campo o día seguinte: atopa unha caixa, que non dá aberto, e despois lévalla a auga. Con ela marchou o soño imposible das moedas de ouro.

14 de out. de 2012

Club de lectura OUTUBRO: "A MIÑA PLANTA DE LARANXA LIMA"

A nosa primeira lectura lévanos ata Brasil con José Mauro de Vasconcelos (1920-1984). "A miña planta de laranxa lima" é unha fermosa historia de denuncia social, na que o protagonista é Zezé, un neno de 5 anos, maltratado pola súa propia familia, que vive nun barrio marxinal de Río de Xaneiro, pero que non renuncia aos seus soños. Ten unha planta de laranxa lima, coa que comparte bágoas e alegrías...Tamén comparte aventuras e ilusións cun amigo portugués, o Portuga, que lle axuda a sobrevivir nun mundo de adultos que non entende.

10 de out. de 2012

CLUB DE LECTURA 2012-2013...QUEN SOMOS NESTE CURSO?...

Comeza un novo curso. Iniciamos de novo a andaina do noso Club de lectura que neste curso formamos:

1º A.- Andrea Vila Paz

2º A.- Víctor Regueiro López

2º B.- Iván IglesiaS Troche

          Pablo Merlán

          Yuyi Sun Zhao

          Deysi Raquel Acosta González

Ademáis das profes.- Luz Rivas e Begoña Valdés

27 de jun. de 2012

MIDWAY por CRIS JORDAN

Unha película que non debemos perder:

21 de jun. de 2012

FACENDO MEMORIA NO CLUB DE LECTURA


Hoxe fixemos a última sesión do club de lectura deste curso. Foron moitos os libros que limos neste curso, especialmente no grupo de 1º . Houbo lecturas para todos os gustos e moitas conversas arredor dos libros...

- Chamádeme Simbad” de Francisco Castro.  Para complementar o debate sobre o tema da enfermidade de Alzheimer, vimos a película “El hijo de la novia” e posteriormente comentamos co autor, con quen fixemos un encontro, todo o que supón esta enfermidade cada vez mási frecuente no noso entorno.

      - “Mortos de ningures” de Pereledi

- “E Xoel aprendeu a voar” de Marica Campo

-      “Usha” de María  Reimóndez

-      “Caperucita en Manhattan” de Carmen Martín Gaite. 

-      “Reckless”   de Laura Gallego

-      “Matilda” de Roald Dahl

-      “Los doce trabajos de Hércules” de James Riordan

-      “Historias para calquera lugar” de varios autores


As lecturas do club de 3º ESO e 4º de ESO (Bibliotero 2) foron:

-     “Cousas” de Castelao

-      “O inferno de Marta” de Pasqual Alapont.

-      “Comedia bífida” de Manuel Núñez Singala.

-      “Made in Galiza” de Sechu Sende

-      “Poetízate”, antoloxía poética en galego de Fran Alonso.


12 de jun. de 2012

V XORNADA DOS CLUBS DE LECTURA

Este foi o vídeo de entrada á V Xornada dos Clubs de Lectura celebrada en Santiago o día 9 de xuño. Neste vídeo podedes escoitar aos coordinadores e integrantes dos clubs de lectura Arao do IES Pedra da Aguia e do CPI dos Dices de Rois.

16 de mai. de 2012

MANIFESTO 17 DE MAIO 2012

MANIFESTO POLA LINGUA DO 17 DE MAIO DE 2012



       Texto elaborado polo escritor AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ, un dos autores máis destacados e premiados da literatura galega actual

                        VOARES DE ESPERANZA


          Don Ramón Otero Pedraio, para loar o labor entusiasta da imprenta de Ánxel Casal e de María Miramontes, chamoulle a aquel obradoiro «pombeiro de voares de esperanza». Pombeiro de voares de esperanza! A frase era o tal, pois desde alí botaban a voar os libros que recollían o mellor do pensamento e da creación en galego. Aqueles non eran tempos doados, mais os azos dos homes e mulleres das Irmandades da Fala foron enchendo de luz as vilas e cidades de Galiza e conseguiron facer visible socialmente a lingua de nós. Nesas persoas están as nosas raíces, somos elos dunha cadea que vén de lonxe. Rosalía de Castro e tanta outra xente que traballou pola recuperación e o prestixio da lingua e da cultura conforman o ADN onde nos debemos recoñecer. Un ADN que ten algúns tramos da dobre hélice especialmente fértiles, coma o das Irmandades, semente das ideas que hoxe constitúen a nosa cerna: Galiza, célula de universalidade. A vontade de sermos unha peza máis, en pé de igualdade, no mosaico mundial das culturas. Non foron fáciles as épocas pasadas e tampouco non o son os tempos que nos toca vivir. Non é preciso reiterarmos aquí as agresións destes últimos anos, cunha boa parte das elites políticas, financeiras e mediáticas obsesionadas por esborrallar os avances que traballosamente foramos acadando. O seu obxectivo: facer do galego unha lingua socialmente invisible, que permaneza recluída no gueto e non acade un uso normalizado. Que o castelán sexa a lingua por defecto e o galego, a rareza, a lingua oculta. Tratala coma un bonsai ao que cómpre retallarlle as pólas que se obstinan en medrar máis do permitido. Que ilusos! Non coñecen as palabras do sociolingüista Colin Baker: «A substitución dunha lingua non é un proceso evolutivo natural. Alí onde a xente está determinada a manter viva unha lingua, parece imposible destruíla.» Non saben que as agresións nos fan máis fortes, que nos impulsan a ampliar o tamaño da nosa esperanza, que medra en nós a vontade de construírmos espazos de encontro e mais de unión. Na súa novela 1984, George Orwell describe unha sociedade oprimida por unha minoría, onde a neolingua é o instrumento utilizado para construír a realidade deformada que lle interesa ao poder: baléiranse de significado as vellas palabras e énchense con outros que mellor conveñan. Como non lembrar a Orwell cando vemos como se retorce o significado de palabras como imposición, liberdade, bilingüe, normalización ou, ultimamente, plurilingüe? Do mesmo xeito que a Policía do Pensamento obrigaba o protagonista da distopía de Orwell a aceptar que 2 + 2 = 5, a quen controlan os fíos do poder válelles todo para ofreceren unha falsa visión da realidade. Contra as mentiras, non cansaremos de lembrar o evidente: a lingua que naceu hai máis de mil anos neste país é de todas as persoas que vivimos e soñamos nel. Tamén é das persoas que chegan a Galiza desde calquera lugar do mundo, empuxadas polo desexo dunha vida mellor, e deciden quedar aquí. E tamén, xaora, de tanta xente que ten na nosa terra as súas raíces e anda espallada polo mundo adiante, pois nós fomos –aínda o somos, e ben que nos doe- un país de emigración. Do mesmo xeito que unha planta precisa dunhas condicións ambientais determinadas para medrar, tamén as necesita unha lingua que se encontre nunha situación minorizada, como lle ocorre ao galego. Por iso urxe crear as medidas precisas facer realidade un "nicho ecolóxico" favorable á lingua. Unhas medidas nas que nunca deben faltar dúas constantes: o exemplo práctico de que o galego é útil en calquera ámbito e para todas as funcións e a vontade de crear actitudes positivas cara á lingua. Para que na sociedade non haxa cidadáns de primeira e de segunda, deben crearse as condicións para que se poida vivir en galego con normalidade. Cousa que hoxe non ocorre, como constatamos día tras día. Como ten reiterado Xabier DoCampo, «nós non mentimos». Imos sempre coa verdade por diante, conscientes da xustiza das nosas ideas e propostas. Con alegría, desmontando na práctica os insidiosos prexuízos que outros sementan na sociedade e nas familias, impulsando actividades que fagan posible vivir en galego. Porque amamos e defendemos a pluralidade lingüística, xaora que si, mais non a costa de deixar arrombada a nosa lingua no faiado. Somos conscientes do labor que nos agarda. Mais tamén sabemos que paga a pena empregar todas as nosas enerxías nel, e que non hai lugar para o desánimo. Como escribiu Bertolt Brecht, nos anos da longa noite de pedra que asolagaba Europa: «Quen aínda estea vivo non diga “xamais”. / De quen depende que siga a opresión? De nós. / De quen que remate? De nós tamén. / Pois os vencidos de hoxe son os vencedores de mañá / e o xamais convértese en hoxe mesmo.» Todas as persoas que amamos o galego temos que erguer un pombal no noso interior, un pombal do que xurdan os voares de esperanza que encherán de vida os ceos da patria da lingua que nos une. --------------------------------------------------------------------------------

19 de abr. de 2012

"DÍA DOS LIBROS PERDIDOS" : 23 de Abril de 2012

Hoxe varios libros marcharon da nosa bilbioteca. Sipoñemos que estaban aburridos de que ninguén os sacase nunca dos seus estantes. Escaparon ás 8,30, cando abrimos a biblioteca... Temos que recuperalos no día de hoxe. Aproveita o recreo para buscalos. Recolle as pistas para a súa captura na biblioteca.

18 de fev. de 2012

CANTAUTOR....LUIS PASTOR

Luis Pastor na presentación do libro de Armando Baptista-Bastos: "José Saramago. Un retrato apasionado". Penso que non se pode decir mellor nen máis preciso...

14 de fev. de 2012

DÍA DOS NAMORADOS

Unha estupenda escolma de poemas de amor en once linguas diferentes feita polo equipo de Biblioteca do IES San Paio de Tui

27 de jan. de 2012

DÍA DA PAZ

No IES San Paio de Tui elaboraron esta estupenda e completa listaxe de películas que podemos empregar nas aulas para traballar pola PAZ .

Grazas tamén ao IES San Paio por compartir esta escolma de textos que recolle diferentes voces que falan da PAZ.