17 de mai. de 2011

SALVANDO....A FALA de Manuel María


A FALA

O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco maís fleve,
o pensar máis profundo.

O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o marmurio do vento,
a palabra de amor.

O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsal
que deixaremos nós.

O idioma é un herdo
patrimonio do povo
máxicamente vello
eternamente novo.

O idioma é a patria
a esencia máis nosa
a creación común
meirande e poderosa.

O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
¡Si perdemos a fala
non seremos ninguén!

O idioma é o amor
o latexo, a verdade
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.

Renunciar ó idioma
é ser mudo e morrer
¡Precisamos a lingua
se queremos vencer!

Gustaríame salvar este POEMA porque .... fala do noso, da nosa identidade, da importancia que ten para nós a nosa lingua, a que herdamos dos nosos avós. A nosa lingua é a máis valiosa chave para abrir e descubrir o mundo e a vida...

SALVA UN LIBRO




"Ao primeiro nin sequera estaba seguro de que se tratase dunha boa idea. Ocorréuseme mentres contemplaba ese papeis con anuncios de todo tipo que a xente pega nos lugares máis frecuentados[…] É doado distinguilos, pois pola parte de abaixo a folla sempre está recortada formando tiras onde aparece o teléfono ó que hai que chamar […]
Así que entra dentro da lóxica que se me ocorrese algo parecido cando volvín atopar un deses libros que me alborotan o corazón e me devolven a alegría de vivir. Ao rematalo, asaltoume de novo o desexo que sempre sentín neses casos: telefonar aos amigos, saír a berrar no medio da rúa, proclamalo a todo o mundo. Dicirlle á xente que non poden segfuir vivindo sen ler un libro así, hai demasiada beleza nel para ignoralo[…]
Ainda non era ben consciente do que quería facer, cando xa estaba diante do ordenador, copiando as primeiras liñas daquel libro de relatos que me tivera absorbido nos días anteriores […]
Imprimín vinte follas, en papel de cor azul. Despois tiven que recortar a man as tiras da parte inferior; foi un traballo laborioso, pero pagou a pena. Nelas, en vez do número de teléfono, escribín o título do libro e o nome do seu autor…"

Gustaríame salvar este libro porque... Porque nel aparecen dez fermosas historias de amor que son máis que nunca necesarias para sobrevivir día a día. E sobre todo un fermosísimo conto titulado UN RÍO DE PALABRAS que é un dos mellores convites á lectura que se pode facer…

SALVANDO LIBROS

SALVANDO LIBROS Que libro salvarías ti?
Esta exposición xorde dun traballo colaborativo entre 96 bibliotecas escolares galegas e pretende ser unha chamada de atención sobre a importancia de apreciar, coidar e manter o noso patrimonio cultural escrito. Pretendemos difundir a idea de que é imposible destruír os libros e os valores que neles se transmiten se somos quen de conseguir que formen parte de nós para sempre.
Esta actividade foi coordinada por Sabela da Escola Unitaria de Vide e Mª Dolores do IES Luís Seoane, que se encargaron da recolleita de todos os materiais...
Grazas tamén a Jaime Eizaguirre Santillán, ex-alumno do IES Sánchez Cantón, que deseñou estes carteis tan fermosos e orixinais para facer posible a actividade.

Aquí podemos ver unha escolma de libros salvados nalgúns dos centros de Primaria e Secundaria que participamos, así como de algunhas persoas relacionadas co mundo das letras e da cultura...